Saúda do Alcalde

O sábado 9 e o domingo 10 de xuño próximos, o Concello de Paderne vai a celebrar a V edición da “Mostra do Branco Lexítimo” co estreo dun novo lugar para o desenvolvemento da mesma..

Será na aldea de Esperela, da parroquia de Vigo. Un lugar único de clara tradición vinícola; un lugar con encanto, no que viviremos o pracer das nosas tradicións disfrutando destes dous días de Mostra coa colaboración e participación dos veciños.

De sobras é coñecido por todos o excelente traballo que os colleiteiros están a facer na elaboración do Branco Lexítimo de Paderne; a aposta inicial realizada polo Concello, acabou por gañar o recoñecemento dos expertos situando a estes caldos nun lugar destacado no panorama dos viños galegos augurándolles unhas excelentes perspectivas para a súa expansión e consolidación.

Non me canso de recordar que publicacións tan prestixiosas como a Guía Parker ou a Guía Paadín, non dubidan en poñer ó Branco Lexítimo entre os principais viños, recordando ademais que son estes os primeiros que reciben no medalleiro o “Suma cum laude”, o que da forza ás novas xeracións de adegueiros a seguir con esta importante labor convertendo o seu traballo en fonte de riqueza para toda a comunidade.

O lugar de celebración na aldea de Esperela quere estar en consonancia coas nosas tradicións e a nosa cultura así como co espírito e filosofía dun territorio respetuoso cos valores dunha Reserva da Biosfera, por iso, espero vervos a todos neste novo emprazamento da Mostra orgullosos de contar en Paderne con un entorno tan en harmonía cos valores que defendemos.

Esperámosvos en Paderne

Benvidos a Paderne